E.E.I. Municipal Arela

As familias na escola

Un dos eixos do noso proxecto educativo é a participación e implicación  das familias na vida da escola e no proceso educativo dos seus fillos e fillas. A participación e o intercambio de información faise realidade a través de diferentes canles:

  • O período de adaptación á escola, no cal acompañarán aos pequenos e se irán facendo despedidas de maneira paulatina, co obxectivo de que os nenos e nenas vivan estes momentos coa maior confianza e seguridade posibles.
  • Durante o resto do curso a escola está aberta ás familias, pois acompañan e recollen ás súas fillas e fillos nas aulas. Ademais están invitadas a participar na vida da aula na celebración dos aniversarios, vindo a contar contos, explicando en que consiste a súa profesión, ensinando a mascota da familia,...ou simplemente compartindo unha xornada co seu fillo ou filla na aula.
  • Nas celebracións de Nadal e Entroido as familias implícanse na elaboración de decoración e disfraces, aportando larpeiradas típicas,... Nalgunhas excursións tamén teñen a posibilidade de facer de acompañantes e noutras será imprescindible que acompañen aos seus fillos.
  • Na entrada de cada clase hai un “Recanto de pais e nais” no que as familias teñen á súa disposición información de todo tipo acerca do día a día da aula. Neste mesmo espazo atópase o caderno de aula, no cal o titor ou titora escribe a diario as actividades que se realizaron durante a xornada.
  • Ao longo do curso celébranse dúas xuntanzas de aula coas familias (unha nas primeiras semanas de setembro e a outra durante o segundo trimestre). Así mesmo,  emítense dous informes de avaliación e aquelas familias que así o precisen poden pedir titorías individualizadas. A psicopedagoga da escola está á disposición das familias para poder axudarlles a resolver calquera cuestión relacionada co desenvolvemento dos seus fillos.
  • Nas pestañas “Curso escolar”  e  “Últimas noticias” desta páxina web as familias poden atopar  moita da  información dos recantos de aula. Na PÁXINA DE FACEBOOK  da escola  tamén se irán colgando noticias de interese.